viernes, 29 de agosto de 2014

A (Santa) Compaña en Dodro

A Compaña, como realmente se denomina a esta, sen o apelativo de “Santa”, e as relacionadas cos meigallos e as meigas; temas sobre os que se pode escribir moito nestes lares. Comezaremos pola Compaña, que sería a procesión das ánimas en pena, da parroquia, que anda, de noite, polos camiños, e que si che ve corres o perigo de que che recruten como portador da cruz e a auga bendita. Nun dos talleres, o de Imo, déronnos unha posible explicación para este fenómeno en Dodro, nela dise que a compaña sería unha invención feita polos contrabandistas para ocultar o estraperlo que facían entre Ribeira e Santiago, nunha ruta que atravesaría o noso concello pasando pola Cruz do Avelán (cruceiro de capela relacionado con visión desta procesión); o engano consistiría en enviar diante do contrabando a dúas persoas vestidas de pantasmas e a outra tocando unha campá para asustar á xente e que ninguén se acercara ó camiño polo que ían. Esta explicación tamén serviría para xustificar a práctica desaparición das visións da Compaña dende a chegada do alumeado público.
O certo é que si que había moitas confusións con xente que camiñaba na escuridade coa luz dun farol ou dun fachón (facho feito con palla), sirva de exemplo que cando os veciños de Imo vían unha luz así en Cordeiro (ao outro lado do Ulla) crían que andaban por alí estas ánimas, e cando os de Cordeiro as vían en Imo pensaban que estaba aquí. Amais dos farois ou fachóns o reflexo da Lúa na auga tamén podía producir o engano, como seguramente pasaba en Revixós coa fonte do Cebreiro, situada xunto ó nacente río san Lufo, na sempre se vía unha luz ás noites, pero cando a xente ía alí non atopaban nada; a crenza, que aínda hoxe segue infundindo respecto aos veciños da zona, viría dada polo suposto afogamento dunha persoa neste lugar. De afogados é asimesmo o laio, pola tardanza dun home que se ía ir tirar ó río, provinte do río de Manselle na Braña, que se oíu nunha noite de tormenta.
Este medo ós seres do máis alá e aos sons raros era aproveitado por algunhas persoas, polo que se xogaba con el, para gastar bromas, a outros, como os que viñan das festas a andar polo monte, ían ó muíño, ou calquera outra persoas que andara de noite, momento no que se facían estas bromas, polos numerosos camiños escuros; algunhas desta bromas merecen a pena ser contadas, como a que fixo crer ós seus acompañantes que algo viña en dirección a eles, ou na que fan crer a un home que un morto, situado na casa da fábrica da igrexa de san Xoán de Laíño, se levantara.

Nisto habería que engadir o medo ós ataúdes, que antigamente había que ir buscar a Padrón ou outros sitios, e se traían ó lombo entre varias persoas ou no autobús de liña. Con isto téñense producido numerosas anécdotas, coma a do home que volvía dunha festa e se topou cun ataúde no medio do camiño e dúas persoas, descansando da viaxe con el, nos lados e escapou aterrado do lugar,  ou o que se meteu dentro dun que ía no teito do autobús porque chovía, e cando sacou a man para ver se aínda o seguía facendo asustou a todos os ían no teito. Pero tamén se teñen producido outras como a caída dun defunto da caixa na o levaban.