No século XVIII prodúcese
en Galicia a culminación do aumento demográfico comezado no século anterior,
ademais do inicio da concentración da poboación no litoral, non polo traslado
de habitantes do interior á costa senón por unha disparidade nos ritmos de
crecemento, ó facelo dunha forma máis rápida a zona litoral. Os factores que
provocaron isto son diversos, pero un dos fundamentais foi a entrada do millo
no sistema agrario galego e as transformación que este provocou neste sistema,
introducción que se levou a cabo primeiramente na costa que no interior; a
importancia do millo radica en que este é un cereal que non necesita moito
terreo para producir o gran suficiente para producir o pan necesario para
alimentar a unha familia e ademais non consumía excesivos recursos da terra. A
maioría da poboación seguía vivindo principalmente no rural(polo que o modelo
rural eran o maioritario), tendo Galicia unha baixa taxa de urbanización.
No século XVIII
había dous tipos de familia en Galicia; as familias de tamaño pequeno, cunha
explotación agraria pequena, con actividades complementarias abundantes e cun
sistema de herdanza basado na mellora curta, típico da zona litoral; e a
familia de tamaño amplo, cunha explotación agraria máis extensa, cun forte
compoñente gandeiro, con escaseza de actividades complementarias e un sistema
de herdanza basado na mellora ampla en favor do fillo maior varón, típico da
zona interior (Lugo sobre todo). A existencia de dous tipos de familias
provocaban que a media do número de persoas por fogar en Galicia no século
XVIII estaba arredor dos 4.4 persoas por fogar, non sendo na costa inferior a 3
e superior a 7 individuos nun mesmo fogar, mentres que en Lugo, non baixaban de
5 habitantes e superaban os 7 en moitos casos.
No mapa
aprécianse claramente tres áreas ben diferenciadas, que responden ó modelo
antes sinalado, podendo apreciarse as diferencias entre o litoral e o interior;
unha área de entre 3.8 e 4.7 ind./fog., que ocupa case toda a zona atlántica e
cantábrica de Galicia, amais de gran parte de Ourense, dentro desta zona hai
certas áreas cunha media de entre 2.9 e 3.7 ind./fog.; outra área atópase en
parte das provincias de Lugo, Santiago e Ourense e en puntos dispersos polas
outras dúas áreas, esta área ten unha
media de entre 4.8 e 5.5 ind/fog; e a outra área é sitúase na maior parte da
provincia de Lugo e noutros tres puntos da primeira área, esta zona presenta
unha media superior a 5.6 ind/fog.
A xefatura dun
fogar galego do século XVIII estaba ocupada, na meirande parte dos casos, por
homes, ben estivesen casados, solteiros ou fosen viuvos.
A emigración,
ben fose temporal, polianual ou permanente, provocou a marcha de moitos homes
durante longos períodos de tempo, no que as mulleres exercían o seu papel no
fogar.
Na familia de
tamaño pequeno cabeza de fogar era o pai ata a súa morte ou traslado á casa dun
fillo ou filla, ó producirse isto podía herdar a casa e a súa xefatura un home
ou unha muller, aínda que tivera algún irmán solteiro na casa, xa que ó ser
unha herdanza de mellora curta non tiña restriccións de sexo ó legárselle a
todos os irmáns unha cantidade semellante de bens. Mentres que na familia ampla
o pai exercía de cabeza de familia ata a súa morte e legáballe esta situación ó
seu primoxénito varón, dado que se rexían por unha herdanza de mellora ampla,
na que se lle entregaban case todos os bens a un só fillo, que beneficiaba a
este; no caso de quedaren na casa irmás solteiras ou segundóns tiña que facerse
cargo deles, chegando incluso a emigrar antes de herdar para conseguir máis
bens para a familia e unha dote para as súas irmás.
No cadro exponse
a situación da xefatura do fogar no século XVIII en catro concellos da
zona litoral occidental galega,
pertencentes todos agás Baiona ( que está nunha zona de entre 2.9 e 3.7
ind/fog) a área de entre 3.8 e 4.7 ind/fog., dentro da zona de predominio da
familia pequena. No cadro apreciase o gran predominio dos fogares dirixidos por
un home casado, non baixa do 58% e
incluso Chega en Ares ó 68%, a este síguenos os fogares rexidos por unha muller
viúva, entre o 18 e o 24%, e finalmente, cuns números moi parellos, os que
teñen como cabeza a un home viúvo ou solteiro ou a unha muller solteira.