martes, 28 de mayo de 2024

lunes, 27 de mayo de 2024

Romaría do Avelán

 

Na igrexa parroquial de San Xoán de Laíño conservanse dúas imaxes da Santa Cruz, unha de pedra na fornela da fachada sobre a porta grande xunto ao campanario, e outra de madeira polícroma no interior. Esta igrexa foi construída a mediados do século XVIII tralo nacemento da parroquia logo da división da de San Xián de Laíño en 1752.

A Santa Cruz é, xunto coa Nosa Señora do Carmen, a devoción máis antigas da que se ten coñecemento na parroquia, xa que hai constancia de que no ano 1825 se produciu a curación milagrosa dun neno da aldea de Bexo por intercesión da Santa, o cal se recorda nunha táboa na igrexa parroquial. Ademais o día 3 de maio de cada ano celébrase na parroquia Inventio (descubrimento) da Santa Cruz por Sta. Helena no século IV.

Con esta celebración de fondo e coa case certeza de que a imaxe pétrea da Santa Cruz estivo situada antigamente, poida que ata a construcción da sé parroquial, na Cruz do Avelán dende o ano 1991 a Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño, fundada ese ano, comezou a organizar de forma case ininterrumpida, a Romaría do Avelán xunto ao cruceiro do Avelán na honra desta Santa, levando en procesión unha imaxe dela adornada con flores dende a parroquial ata o Avelán.

Nun primeiro momento esta imaxe da Santa era a sita no fachada da igrexa, pero dende despois a Asociación de Veciños fixo unha reproducción para esta celebración dada a dificultade para mover a imaxe. Nos primeiros anos tamén acompañaban a esta imaxe a de outros santos venerados na parroquia.

A data de celebración da romaría variou diversas veces por causas climatolóxicas (choiva), ata asentarse no primeiro fin de semana do mes de xuño. Na actualidade a Romaría do Avelán é unhas das máis importantes a nivel comarcal.


San Xoán Bautista de Laíño

 

A) Muíño de Valentín, 42º43'28”N, 8º44'47”W

Destaca polo seu bo estado de conservación, e pola súa canle elevada. Ademais de para moer gran, tamén se utilizou para producir electricidade.


B) Petróglifo de A Devesa [GA15033023]

42º43'31”N, 8º43'55”W

Gravado nunha rocha de época prehistórica. Consiste nuns círculos concéntricos, con similitudes cun labirinto.


C) Castro de Bexo [GA15033013]

42º42'0”N, 8º45'2”W

Asentamento fortificado da Idade do Ferro e a Romanización. É un dos poboados castrexos máis grandes da zona e dende el hai unhas magníficas vistas do Estuario do Ulla e do ría de Arousa. Del saíu moita pedra en dirección ás aldeas circundantes.



D) A Veiga de Abaixo [GA15033007]

42º41'43”N, 8º43'35”W

Xacemento arqueolóxico de subsolo de época romana, á beira do río Ulla. A simple só se aprecian fragmentos de tégula galaico- romana, pero podería ser un dos máis importantes da zona, atendendo á súa tipoloxía e cronoloxía.

E) Capela de San Amaro, 42º41'55”N, 8º44'3”W

Ermida construída no século XVII, aínda que xa puido haber unha primixenia de época medieval. O seu estilo é o anónimo popular. Ata ben entrado ó século XX, cando pasou a mans eclesiásticas, pertencía exclusivamente aos veciños de Bexo. No seu interior garda dúas imaxes, en pedra, moi antigas, seguramente medievais, de San Pedro e da Nosa Señora de Belén.

F) Cruceiro e peto de Bustelo, 42º43'51”N, 8º46'7”W

Realizado en 1893 por devoción de sete veciños da aldea emigrados en Cuba. Ata fai uns anos soterrábase no seu recinto aos nenos mortos sen bautizar e o abortos da aldea.

G) Cruz do Avelán ou Dabelán,

42º43'9”N, 8º44'25”W

Cruceiro de capela ou loreto do século XVII, 1672, un dos máis antigos de Galicia. Non conserva nin o peto, nin o retábulo de ánimas.

H) Aldea de Castro, 42º43'10”N, 8º43'13”W

Núcleo poboacional formada tralo abandono do Castro de Imo, o cal influenciou moito na configuración desta aldea, algo que se pode apreciar na existencia dalgunha casa circular, a imitación das vivendas do castro. Tamén conta con algún hórreo de excelente factura.

I) Hórreos da Eira da Lavandeira,

42º42'46”N, 8º43'25W

Conxunto de once hórreos e un lavadoiro. Os hórreos son do tipo noia e están datados no século XVIII, polo que serían os máis antigos do seu tipo. Esta agrupación de hórreos, das máis fermosas da contorna, está considerada das máis importantes de Galicia.

J) Hórreos da Eira das Cabanas,

42º42'41”N, 8º43'30”W

Conxunto de seis hórreos na parte alta da Aldea de Imo. Terían unha orixe anterior aos da Lavandeira. Xunto a estes atópase tamén un pombal.

K) Igrexa de San Xoán de Laíño,

42º42'58”N, 8º43'42”W

Igrexa parroquial construída na segunda metade do século XVIII tralo nacemento da parroquia de San Xoán, segregada da de San Xián. No seu Adro conta cun fermoso cruceiro.

L) Pedra de Abalar, 42º42'28”N, 8º43'35”W

Peculiar formación rochosa, que ao subirse nela se move de forma acompasada sen necesidade de moito esforzo.


M) Petróglifos de Bouza Abadín [GA15033008],

42º42'38”N, 8º44'1”W

Conxunto de gravados na pedra de época prehistórica, que conforman un dos xacementos desta tipoloxía máis importantes da contorna.


N) Reloxo de Sol de Aguirre, 42º42'49”N, 8º43'27”W

Situado no muro de peche dunha antiga casa rica da aldea. Levántase en altura sobre unha columna de granito. Conserva o gnomon e é de tipo ortomeridiano (orientado ao sur).

O) Pombal da Veiga, 42º42'51”N, 8º45'5”W

Sito no medio dos agros da aldea, hoxe en día adicados ao cultivo de forraxes, principalmente herba. Polo que destaca no medio dun verxel de cor verde.


PATRIMONIO CULTURAL DA PARROQUIA DE SAN XOÁN DE LAÍÑO


DODRO

Cruz do Avelan

No lugar de Avelán da Cruz, no Monte Padronelo. No cruce dos camiños que van a Teaio, Bustelo e A Devesa, antiga encrucillada, punto que separa as aldeas do monte e as do val. Por aquí discorría o Camiño Real que ía de Santiago a Rianxo pasando pola venta da Chisca e polo río da Vexa (Bexo). Descríbeo o Padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia de 1754 e despois Lucas Labrada en 1804, explicando que a estrada era tan mala que nin cos maiores gastos se faría transitable.

Típico cruceiro de capela ou de loreto da zona do Barbanza. Feito en granito.

Medidas:

xerais.- 4, 6 m. de alto por 2,5 m. de ancho.

fuste.- mide 1,60 m. de alto e 2,10 m. de perímetro

capela.- dende o capitel ata o teito 0,98 m.

Baseamento: cuadrangular, de tres grades.

Pedestal: non ten.

Peto: adosado no varal (roto).

Varal: de sección cadrada (de 0,62 m. de lado), cos cantos rebaixados agás nos extremos superior e inferior, como adoita ser corrente en todos estes cruceiros, nos que hai un motivo ornamental que semella unha folla ou espiga de trigo ou centeo. Nas catro caras da pedra inferior do fuste é visible unha especie de fornela labrada en baixorrelevo, co lado superior redondeado. No fronte do varal é visible un oco semellante a unha fornela, coa parte superior redondeada e varias cruces inscritas dentro, no que é de supoñer que se acollese algunha imaxe, agora desaparecida (¿pequeno retablo adicado ás ánimas?). Parece tratarse dun rebaixe moi posterior ó cruceiro, pois ó facelo destruíuse parte da inscrición. Posiblemente foi feito cando se creou a parroquia de San Xoán de Laíño, a finais do século XVIII. Presenta unha longa inscrición incompleta dende que abriron a fornela, desaparecendo parte das letras frontais da segunda pedra. Está clara a data, 1672, que debe de corresponder á de construción. Aínda que é posible ler algunhas palabras, en conxunto é ilexible. Fernández de la Cigoña (1997: 54-55) publica a seguinte lectura coa que González Pérez (2001) non concorda:


Na parte dereita.- Na parte dianteira.- No lado esquerdo.-

UM POR SV “NESA “MAJ

DRIOZSTA ASENO DEBOC

10 – 1672 “ TADLAS +

CRUS” G”

Capitel: baixo, adornado cunha moldura e no lado frontal cunha cabeza de querubín coas ás abertas. Sobre esta figura tallouse (despois de feito o cruceiro) un burato cadrado destinado a peto de esmolas, polo que é de supoñer que en tempos pasados tivese unha portiña de ferro ou de madeira.

Capela ou fornela: formada por catro pedras (as dúas laterais, a traseira e a que cobre). En cada xamba ten gravada en baixorrelevo unha columniña salomónica, na que se albiscan a base e o capitel. Na fronte da pedra da cuberta, que sobresae varios centímetros por diante, un arco tamén co mesmo motivo ornamental. O teito por dentro semella unha bóveda de crucería, con catro nervios e a clave central ben traballada. Polo exterior é de perfil semicircular. Actualmente non recolle ningunha imaxe. Contan os veciños que antes, no interior, estaba unha Virxe que desapareceu xa hai moitos anos. Algúns din que que é a que campa na fornela da fachada da igrexa parroquial, sobre a porta.

Cruz: asentada sobre a capela, sobre unha pequena base cúbica con adornos nas catro caras en zig-zag. De sección cuadrangular, coas arestas rebaixadas agás nos remates dos brazos que son cadrados, tendo no medio de cada un dos cantos un círculo inscrito.

anverso.- Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita, coas mans abertas. Con coroa de espiñas, nimbo crucífero, pano de pureza anoado á súa esquerda, INRI (cartela). Imaxe esculpida en baixorrelevo (a figura de Cristo case non sobresae, con escasos riscos anatómicos).

reverso.- non ten imaxe.

Estado de conservación.- Regular, está incompleto. No ano 1992 a Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico-Artístico unha axuda para a recuperación deste cruceiro, en mal estado de conservación así como a intersección de camiños no que se localizaba. A Dirección Xeral de Patrimonio accedeu a dar unha axuda económica para a súa restauración e aceptou facerse cargo do control da súa rehabilitación. Así, a cruz foi desmontada na súa totalidade por un equipo de especialistas para facilitar o seu traslado a unha escola de canteiros, tras o cal foi levada de novo ó seu sitio. Quíxose retirar un pouco deica atrás o cruceiro por causa da proximidade da estrada. Tamén se lle quixo por un basamento máis sólido e encintalo con cemento, ademais de por o Cristo dereito. No 2004 leemos a reseña de que a segunda grade está alterado, faltan pedras.

Propiedade.- Comunitaria.

Historia.- Finais do século XVII (1672). O nome de Cruz de Abelán ou Dabelán, segundo Clodio González Pérez (2001: 452), parece que puidera vir da existencia, en tempos pasados, de abelás ou abeleiras no monte, moi abundantes antigamente nestas terras. Tamén apunta como posible o mesmo autor que onde está o cruceiro ou preto del existise un vello abelá. Os cruceiros de capela son moi escasos en Galicia, cinguíndose exclusivamente a unha pequena parte da provincia da Coruña (concellos de Ames, Brión, Boiro, Dodro, Lousame, Ribeira, Rois, etc.), sendo este exemplar de Dodro, o único que existe no concello, de especial interese por estar datado: 1672. Polo ano da súa feitura é o cruceiro de ánimas non só máis antigo da provincia da Coruña senón de Galicia enteira (FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ: 1997, p.35). O problema é que non se pode demostrar que fose, efectivamente, algunha vez un peto de ánimas auténtico, por non aparecer estas citadas no epígrafe e non conserva-lo retablo das ánimas no purgatorio nos dous pequenos fornelos.

Tradicións.- Queda no camiño sacramental tanto para ir á igrexa de San Xoán (actual parroquial) como antes para ir a de San Xián, por onde había que pasar cos defuntos das aldeas da Devesa, Bustelo e Teaio. Diante paraban as comitivas fúnebres, aproveitando para descansar ou para cambiar de portantes do cadaleito. Mentres tanto, o crego rezaba as oracións. Así mesmo, conta a tradición que ó seu redor se enterraban ó nenos que nacían mortos ou que morrían sen bautizar. O lugar é axeitado para situar aparicións de almas en pena e da Santa Compaña, polo que as persoas maiores aínda lle gardan moito respecto a este cruceiro. Na capela os paisanos deixaban unha fornada de pan ou de millo ou unha empanada, sempre produtos de comer, coa crenza de que as ánimas ían e viñan dende a casa onde viviran ata o cemiterio, para que tivesen comida. Finalmente, sinalar que en torno á cruz celebrábase unha tradicional romaría, a Romaría da Cruz do Avelán, o primeiro de maio, recuperada no 1990 polos veciños de San Xoán.  

lunes, 4 de abril de 2016

domingo, 31 de enero de 2016

Test Xeográfico sobre Dodro

1.      Cal é a aldea de Dodro sitúada máis ao sur?
a.       Bexo
b.      Imo
c.       Revixós
2. E a situada máis ao norte?
a. Bustelo
b. Traxeito
c. Pexegueiro
3. Cal é a capital de Dodro?
a. Vigo
b. Tallós
c. Lestrobe
4. Que grandes zonas xeográficas compoñen o concello de Dodro?
a. Dodro
b. Laíño, Dodro e aldeas occidentais
c. Laíño e Dodro
5. Que parroquias conforman Dodro?
a. San Xoán, San Xián e Santa María
b. San Xián e San Xoán
c. Santa María e San Xián
6. Cantas Comunidades de montes ten Dodro?
a. 3 (independentes)
b. 3 (2 agrupadas e 1 independente)
c. 1
7. Cal é a extensión de Dodro?
a. 50 km2
b. 36 km2
c. 15 km2
8. Cantos habitantes ten Dodro?
a. Sobre 3000
b. Sobre 1800
c. Sobre 5000

9. Que extensión teñen as Brañas de Laíño?
a. 100 Ha
b. 35 Ha
c. 150 Ha
10. Cal é o cumio máis alto de Dodro?
a. Carboeiro
b. Lomba das Pozas
c. Caldebarcos
11. Cantas aldeas conforman o concello de Dodro?
a. 30
b. 26
c. 16
12. A que comarca pertence Dodro?
a. Santiago
b. Barbanza
c. O Sar
13. Cantos ríos percorren Dodro?
a. 8
b. 5
c. 12
14. Cal é o sector económico predominante en Dodro?
a. Primario
b. Secundario
c. Terciario
15. Cal é a aldea máis poboada de Dodro?
a. Bexo
b. Lestrobe
c. Imo
16. Con que outros concellos limita Dodro no Treito?
a. Rianxo, Lousame e Rois
b. Padrón, Rois e Rianxo
c. Rianxo e Rois
17. Con que concello non limita Dodro?

a. Padrón          b. Rianxo      c. Catoira   d. Rois