jueves, 16 de junio de 2011

175 anos de Dodro

Antes de que existise o actual concello de Dodro, o seu territorio estaba dividido en dúas zonas, existentes aínda hoxe, Laíño, que ocupa 28,88 km² (o 80%), e Dodro, que ocupa 7,20 km² (o 20%), dos 36,08 km² que ocupa o actual concello de Dodro. Ámbas pertencían á antiga provincia de Santiago, que se extendía dende as proximidades da Coruña e Betanzos ata a ría de Vigo.
A zona de Laíño, que se atopaba dentro da xurisdicción de Rianxo, estaba composta polas parroquias de san Xián de Laíño e san Xoán de Laíño (esta última dende 1753 polas enchentas do rego de Manselle que impedían o paso ós fregueses á igrexa parroquial de san Xián). Dentro desta parroquia estaba tamén o Couto de Vejo (Bexo), que a pesar de pertencer a esta parroquia dependía xurisdiccionalmente de Ponte Valga (Valga), ó igual que a actual parroquia rianxeira de santa María de Isorna; a explicación desta dualidade parece ser que respondía a que Bexo, a Bacariza e Isorna debían gardar castelos que compoñían o Castellum Honestii, do que na actualidade só se conservan as Torres de Oeste de Catoira.
Pola súa parte Dodro, a actual parroquia de santa María de Dodro, constituía o couto redondo de Dodro e Lestrove, dependente do marqués de Bendaña, dono do pazo e Vigo, que residía en Santiago de Compostela. Posiblemente antes desta dependencia do marqués de Bendaña, e incluso durante ela, este o Couto de Dodro e Lestrove dependera, ou estaba relacionado, coa Casa de Dodro e Oynes da parroquia de santa María de Dodro (Arzúa), de onde se podería ter copiado o nome da parroquia e o toponimo actuais de Dodro.
Coa chegada do liberalismo, e o fin do Antigo Réxime, coas Cortes de Cádiz (1810 -1814) comezan a aparecer concellos “liberais”, proceso que se acelera coa aparición dos concellos constitucionais durante o Trienio Liberal (1820 -1823). Entre estes concellos non aparece o de Dodro, pero si que aparecen os concellos constitucionais de Laíño e Lestrove (Dodro), dentro do partido xudicial de Padrón, figurando como tales nos documentos, de 1821, da deputación única de Galicia de distribución do cupo de quintas e os repartos da contribución territorial e de consumos, e de reparto de presupostos de gastos.
Co asentamento definitivo do liberalismo trala morte de Fernado VII en 1833, en 1835 faise unha división municipal por Real Decreto, na que o actual concello de Dodro aparecía incluído dentro do proxectado concello de Padrón. Pero o 7 de xuño de 1836 o pleno da Deputación da Coruña decide dividir este proxecto de concello en dous, e agrupa as parroquias de san Xoán de Laíño, san Xián de Laíño e santa María de Dodro para formar o concello de Dodro, nacendo así o noso concello, que tería a súa capitalidade en Lestrove, de aí que leve o nome Dodro en lugar de Laíño, que tería sido o máis normal atendendo ó reparto da superficie do concello.
En 1842 a Deputación da Coruña, nun intento de reducir o número de concellos, acorda que o concello de Dodro pase a formar parte do de Padrón, pero esta decisión nunca entrará en vigor, obrigándoselle en 1843 ó concello de Padrón a entregarlle ó de Dodro todos os papeis que lle pertenceran, ademais da lista electoral de Dodro. Dous anos despois, en 1845, o concello de dodro négase, xunto ós de Rianxo e Teo entre outros, a pagar a reparación da ponte de Padrón.
En 1868 tentarase de novo, esta vez ilegalmente, suprimir o concello de Dodro, pero a falta de validez legal desta decisión provocou que nunca se levara a cabo. O último intento de suprimir Dodro produciuse en 1974, cando o visitador estatal aconsellou dita supresión, sen conlevar esta opinión ningunha actuación concreta.
No relacionado coa xestión do concello de Dodro a falta de documentos escritos fainos descoñecer o nome dos primeiros alcaldes de Dodro, non se coñecendo o nome de ningún ata 1856, cando se sabe, por unha publicación madrileña (Escenas Contemporáneas, que se pode consultar en internet), que nese ano cesa na alcaldía D. Domingo Manselle, sendo reemprazado por D. Agustín Mariño; nesta publicación tamén aparecen os “Alcaldes Segundos” (tenentes de alcalde) entrante e saínte, D. Manuel Did e D. Vicente Figueira. Por esta época pode que a capital de Dodro fose xa Vigo.
En 1876 tense constancia, por outro documento colgado en internet, do nome doutro alcalde, D. Benito Ramos, do que só se sabe que era alcalde no mencionado ano, pero seguramente entrara na alcaldía coa proclamación de Alfonso XII como rei a finais do ano anterior.
O primeiro alcalde mencionado nas actas do concello será D. Fernando Conce Lois, que toma posesión do cargo, na primeira acta conservada en Dodro, o 17 de xaneiro de 1885, trala defunción do seu antecesor, D. Manuel Brañeiro Buela; Conde Lois será un alacalde efímero, ó permanecer no cargo só ata o 1 de xullo do mesmo ano, sendo reemprazado por D. Feliciano Barreiro Reboiras. Ata 1900 non volven conservarse actas, aparecendo como alcalde D. José Viturro Sóñora, que será o que inaugure a actual Casa Consistorial no ano 1906, no que se traslada a capital de Vigo a Tallós, a súa ubicación actual.
O cambio de alcaldes irase producindo normalmente ata a actualidade, ó fío das diversas vicisitudes polas que pasou España. Entre todos estes nomes poderíase destacar a dous, D. Ramón Ferreirós Manselle, que terá dous mandatos (1914 -1920) e (1930 -1931), e D. Benigno Baleirón Pérez (1932 -1936) que era oriundo de Revixós.
Cabe destacar tamén a celebración, no pazo da Ermida, do Pacto de Lestrove o 26 de marzo de 1930. Nesta reunión as forzas políticas republicanas non nacionalistas de Galicia acordaron crear a FRG e facer un frente único a prol da chegada da república; entre os participantes atoparanse personalidades como Santiago Casares Quiroga, lider da ORGA, que será ministro e xefe de goberno durante a II República. Este foi o pacto político maís importante da Historia de Galicia.

martes, 7 de junio de 2011

Os 175 anos de Dodro

No día de hoxe o concello de Dodro cumpre 175 anos, xa que foi o 7 de xuño de 1836 cando a Deputación da Coruña decidiu a súa creación.
Nestes 175 anos Dodro foiu escenario de importantes acontecementos, como o Pacto de Lestrove, ou veu nacer a grandes persoeiros, como Eusebio Lorenzo Baleirón, Anxo Angueira, Fortunato Cruces, Moncho Reboiras, Luís Aguirre ou Ovidio Murguia.
                                                    FELICIDADES DODRO

jueves, 26 de mayo de 2011

A aldea de Castro

A aldea dodresa de Castro, pertencente á parroquia de san Xoán de Laíño, recibe o seu nome do castro de Imo-Castro situado no mesmo alto no que se sitúa esta aldea. O nome tamén lle pode vir de que ata o século XX foi unha aldea pechada, formando un conxunto cultural moi fermoso (aínda que na actualidade non se atopa non se atopa nas mellores condicións) que non abunda moito en Galicia, e que forma parte do catálogo de bens culturais do concello de Dodro.
Esta aldea pechada  contaba incluso cunha casa celta, unha casa sen porta; ademias de contar cun gran número de hórreos, a cada cal máis fermoso, e de reloxos de sol, incluido un de poste con reloxo por tres lados; ademais dun pombal.
PD: Perdoade que non inclua fotos

viernes, 22 de abril de 2011

Novos petroglifos de Bouza Abadín

Deixovos algunhas fotos dos petroglifos de Bouza Abadín despois da súa limpeza, así como unhas cazoletas que se descubriron.






martes, 29 de marzo de 2011

Patrimonio de Bexo

Déixovos aqui unha lista con todos os elementos patrimoniais de Bexo. Dalgúns xa fixen unha entrada, e doutros fareina en entradas futuras.
Patrimonio arqueolóxico:
- Mámoa nº1 da Paradegua
- Mámoa nº2 da Paradegua
- Mámoa nº3 da Paradegua
- Mámoa nº4 da Paradegua
- Xacemento do Riasós (situado políticamente en Imo, pero xeograficamente en Bexo)
- Petroglifo nº2 do Padronelo
- Castro de Bexo, tamén coñecido como Murallas
- Castro pequeno de Bexo, pertencente case todo el ó concello de Rianxo
- Xacemento da Veiga de Abaixo
Arquitectura relixiosa:
- Capela de San Mauro e as imaxes, en pedra, de San Pedro e a Virxe do Belén
Arquitectura popular:
- Cruceiro de Grandín ou das Escuras
- Cruceiro de Ignacio
- Cruz de Chan de Viña
- Fonte da Rechenla
- Fonte de Chan de Viña
- Hórreos da Eira da Malla
- Hórreo do Curral

viernes, 18 de febrero de 2011

Historia da aldea de Bexo

As terras que actualmente forman a aldea de Bexo levan ocupadas dende época neolítica, algo que proban  as catro mámoas da Paradegua e as nove mámoas que conforman a necrópole do Monte Picoto. A partir deste momento estas terras estiveron ocupadas ata a chegada da Idade Media, quedándonos como mostra o xacemento do Riasós, o petroglifo nº 1 do Padronelo, o castro ou Murallas de Bexo e o xacemento da Veiga de Abaixo.
Na Idade Media aparecería a villa Velegia da que falou Xosé Lois Axeitos no seu discurso de entrada na RAG, e da que pode ser unha mostra o toponimo de Trala Torre que lle da nome a unha rúa de Bexo.
Para a época moderna xa hai restos na actual aldea de Bexo, como a capela de san Mauro ou o coto de Vejo aparecido no Catastro de Ensenada, sendo entre os séculos XV e XVI cando se conforma a aqctual aldea de Bexo.
Pola súa banda a contemporanidade deixounos os muíños do Petouto, Tempeña, Figueiras e o Rial, bañados todos polo Rego das Escuras; o lavadoiro do Rial, e os cruceiros de Grandín ou das escuras e Ignacio, amáis do desaparecido de Sabela.

viernes, 14 de enero de 2011

A mámoa nº2 da Paradegua existe

No actual Catálogo Arqueolóxico do concello de Dodro, que aparece colgado xunto co resto da información do PXOM na web do concello, e que foi elaborado por varios arqueólogos durante unhas propspeccións feitas no ano 2009 ten varios erros, pero quizais o máis importante sexa o dar por desaparecida a mámoa nº2 da Paradegua.
Neste catálogo a mámoa nº1 da Paradegua é situada uns metros máis cara o oeste de onde se atopa realmente, mentres no seu lugar sitúan a mámoa nº2. Con respecto a esta última din que non a puideron localizar e que a hai que dar por desaparecida.
En febreiro do ano 2009, mesmo ano no que se fixeron as prospeccións, durante unha visita á zona para ensinarlle as mámoas a un tío meu, puidemos ver a mámoa nº1, moi fácil de ver e de acceder a ela a apesar da vexetación, e tamén atopamos a mámoa nº2 uns metros máis cara o leste, nunha nárea moito máis despexada de vexetación; dende este túmulo apreciábase moi ben a mámoa nº1 e tiña bastante bo aspecto ademais de estar ben conservada.
Esto corrobara a existencia desta mámoa, atestiguada tamén polas fotos que sacamos (agrego unha delas a esta entrada), polo que se non atoparon a mámoa foi ou pola vexetación ou por que buscaron onde non era.
Cabe dicir tamén que as coordenadas desta necrópole, a da Paradegua, ó igual que as de outras necrópoles da zona, datan do momento no que foron catalogadas, aló polos anos 70 no que non existían os GPS's, polo que estas coordenadas foron obtidas mediante mapas e planos e non teñen unha fiabilidade do 100%, senón que son aproximadas.
Esta fotografía e o lugar real no que se sitúa tédelos en GoogleEarth.