lunes, 27 de mayo de 2024

Cruz do Avelan

No lugar de Avelán da Cruz, no Monte Padronelo. No cruce dos camiños que van a Teaio, Bustelo e A Devesa, antiga encrucillada, punto que separa as aldeas do monte e as do val. Por aquí discorría o Camiño Real que ía de Santiago a Rianxo pasando pola venta da Chisca e polo río da Vexa (Bexo). Descríbeo o Padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia de 1754 e despois Lucas Labrada en 1804, explicando que a estrada era tan mala que nin cos maiores gastos se faría transitable.

Típico cruceiro de capela ou de loreto da zona do Barbanza. Feito en granito.

Medidas:

xerais.- 4, 6 m. de alto por 2,5 m. de ancho.

fuste.- mide 1,60 m. de alto e 2,10 m. de perímetro

capela.- dende o capitel ata o teito 0,98 m.

Baseamento: cuadrangular, de tres grades.

Pedestal: non ten.

Peto: adosado no varal (roto).

Varal: de sección cadrada (de 0,62 m. de lado), cos cantos rebaixados agás nos extremos superior e inferior, como adoita ser corrente en todos estes cruceiros, nos que hai un motivo ornamental que semella unha folla ou espiga de trigo ou centeo. Nas catro caras da pedra inferior do fuste é visible unha especie de fornela labrada en baixorrelevo, co lado superior redondeado. No fronte do varal é visible un oco semellante a unha fornela, coa parte superior redondeada e varias cruces inscritas dentro, no que é de supoñer que se acollese algunha imaxe, agora desaparecida (¿pequeno retablo adicado ás ánimas?). Parece tratarse dun rebaixe moi posterior ó cruceiro, pois ó facelo destruíuse parte da inscrición. Posiblemente foi feito cando se creou a parroquia de San Xoán de Laíño, a finais do século XVIII. Presenta unha longa inscrición incompleta dende que abriron a fornela, desaparecendo parte das letras frontais da segunda pedra. Está clara a data, 1672, que debe de corresponder á de construción. Aínda que é posible ler algunhas palabras, en conxunto é ilexible. Fernández de la Cigoña (1997: 54-55) publica a seguinte lectura coa que González Pérez (2001) non concorda:


Na parte dereita.- Na parte dianteira.- No lado esquerdo.-

UM POR SV “NESA “MAJ

DRIOZSTA ASENO DEBOC

10 – 1672 “ TADLAS +

CRUS” G”

Capitel: baixo, adornado cunha moldura e no lado frontal cunha cabeza de querubín coas ás abertas. Sobre esta figura tallouse (despois de feito o cruceiro) un burato cadrado destinado a peto de esmolas, polo que é de supoñer que en tempos pasados tivese unha portiña de ferro ou de madeira.

Capela ou fornela: formada por catro pedras (as dúas laterais, a traseira e a que cobre). En cada xamba ten gravada en baixorrelevo unha columniña salomónica, na que se albiscan a base e o capitel. Na fronte da pedra da cuberta, que sobresae varios centímetros por diante, un arco tamén co mesmo motivo ornamental. O teito por dentro semella unha bóveda de crucería, con catro nervios e a clave central ben traballada. Polo exterior é de perfil semicircular. Actualmente non recolle ningunha imaxe. Contan os veciños que antes, no interior, estaba unha Virxe que desapareceu xa hai moitos anos. Algúns din que que é a que campa na fornela da fachada da igrexa parroquial, sobre a porta.

Cruz: asentada sobre a capela, sobre unha pequena base cúbica con adornos nas catro caras en zig-zag. De sección cuadrangular, coas arestas rebaixadas agás nos remates dos brazos que son cadrados, tendo no medio de cada un dos cantos un círculo inscrito.

anverso.- Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita, coas mans abertas. Con coroa de espiñas, nimbo crucífero, pano de pureza anoado á súa esquerda, INRI (cartela). Imaxe esculpida en baixorrelevo (a figura de Cristo case non sobresae, con escasos riscos anatómicos).

reverso.- non ten imaxe.

Estado de conservación.- Regular, está incompleto. No ano 1992 a Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico-Artístico unha axuda para a recuperación deste cruceiro, en mal estado de conservación así como a intersección de camiños no que se localizaba. A Dirección Xeral de Patrimonio accedeu a dar unha axuda económica para a súa restauración e aceptou facerse cargo do control da súa rehabilitación. Así, a cruz foi desmontada na súa totalidade por un equipo de especialistas para facilitar o seu traslado a unha escola de canteiros, tras o cal foi levada de novo ó seu sitio. Quíxose retirar un pouco deica atrás o cruceiro por causa da proximidade da estrada. Tamén se lle quixo por un basamento máis sólido e encintalo con cemento, ademais de por o Cristo dereito. No 2004 leemos a reseña de que a segunda grade está alterado, faltan pedras.

Propiedade.- Comunitaria.

Historia.- Finais do século XVII (1672). O nome de Cruz de Abelán ou Dabelán, segundo Clodio González Pérez (2001: 452), parece que puidera vir da existencia, en tempos pasados, de abelás ou abeleiras no monte, moi abundantes antigamente nestas terras. Tamén apunta como posible o mesmo autor que onde está o cruceiro ou preto del existise un vello abelá. Os cruceiros de capela son moi escasos en Galicia, cinguíndose exclusivamente a unha pequena parte da provincia da Coruña (concellos de Ames, Brión, Boiro, Dodro, Lousame, Ribeira, Rois, etc.), sendo este exemplar de Dodro, o único que existe no concello, de especial interese por estar datado: 1672. Polo ano da súa feitura é o cruceiro de ánimas non só máis antigo da provincia da Coruña senón de Galicia enteira (FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ: 1997, p.35). O problema é que non se pode demostrar que fose, efectivamente, algunha vez un peto de ánimas auténtico, por non aparecer estas citadas no epígrafe e non conserva-lo retablo das ánimas no purgatorio nos dous pequenos fornelos.

Tradicións.- Queda no camiño sacramental tanto para ir á igrexa de San Xoán (actual parroquial) como antes para ir a de San Xián, por onde había que pasar cos defuntos das aldeas da Devesa, Bustelo e Teaio. Diante paraban as comitivas fúnebres, aproveitando para descansar ou para cambiar de portantes do cadaleito. Mentres tanto, o crego rezaba as oracións. Así mesmo, conta a tradición que ó seu redor se enterraban ó nenos que nacían mortos ou que morrían sen bautizar. O lugar é axeitado para situar aparicións de almas en pena e da Santa Compaña, polo que as persoas maiores aínda lle gardan moito respecto a este cruceiro. Na capela os paisanos deixaban unha fornada de pan ou de millo ou unha empanada, sempre produtos de comer, coa crenza de que as ánimas ían e viñan dende a casa onde viviran ata o cemiterio, para que tivesen comida. Finalmente, sinalar que en torno á cruz celebrábase unha tradicional romaría, a Romaría da Cruz do Avelán, o primeiro de maio, recuperada no 1990 polos veciños de San Xoán.  

lunes, 4 de abril de 2016

domingo, 31 de enero de 2016

Test Xeográfico sobre Dodro

1.      Cal é a aldea de Dodro sitúada máis ao sur?
a.       Bexo
b.      Imo
c.       Revixós
2. E a situada máis ao norte?
a. Bustelo
b. Traxeito
c. Pexegueiro
3. Cal é a capital de Dodro?
a. Vigo
b. Tallós
c. Lestrobe
4. Que grandes zonas xeográficas compoñen o concello de Dodro?
a. Dodro
b. Laíño, Dodro e aldeas occidentais
c. Laíño e Dodro
5. Que parroquias conforman Dodro?
a. San Xoán, San Xián e Santa María
b. San Xián e San Xoán
c. Santa María e San Xián
6. Cantas Comunidades de montes ten Dodro?
a. 3 (independentes)
b. 3 (2 agrupadas e 1 independente)
c. 1
7. Cal é a extensión de Dodro?
a. 50 km2
b. 36 km2
c. 15 km2
8. Cantos habitantes ten Dodro?
a. Sobre 3000
b. Sobre 1800
c. Sobre 5000

9. Que extensión teñen as Brañas de Laíño?
a. 100 Ha
b. 35 Ha
c. 150 Ha
10. Cal é o cumio máis alto de Dodro?
a. Carboeiro
b. Lomba das Pozas
c. Caldebarcos
11. Cantas aldeas conforman o concello de Dodro?
a. 30
b. 26
c. 16
12. A que comarca pertence Dodro?
a. Santiago
b. Barbanza
c. O Sar
13. Cantos ríos percorren Dodro?
a. 8
b. 5
c. 12
14. Cal é o sector económico predominante en Dodro?
a. Primario
b. Secundario
c. Terciario
15. Cal é a aldea máis poboada de Dodro?
a. Bexo
b. Lestrobe
c. Imo
16. Con que outros concellos limita Dodro no Treito?
a. Rianxo, Lousame e Rois
b. Padrón, Rois e Rianxo
c. Rianxo e Rois
17. Con que concello non limita Dodro?

a. Padrón          b. Rianxo      c. Catoira   d. Rois

martes, 29 de diciembre de 2015

Test Histórico sobre Dodro

1.      Cal é o ano de fundación de Dodro?
a.       1925
b.      1836
c.       1966
2. Que aldea ou aldeas ostentaron a capitalidade de Dodro?
a. Lestrobe e Imo
b. Lestrobe, Vigo e Tallós
c. Vigo e Tallós
3. Dende que ano é Tallós a capital de Dodro?
a. 1888
b. 1936
c. 1907
4. Quen é o primeiro alcalde de Dodro coñecido (2015)?
a. Domingo Manselle
b. Benito Ramos
c. Manuel Brañeiro Buela
5. Cales son os restos máis antigos de asentamento humán en Dodro?
a. Petróglifos de Bouza Badín, O Padronelo e A Carga
b. Mámoas da Paradegua e Minas de Balouta
c. Xacemento do Riasós
6. Cal é o xacemento arqueolóxico máis importante de Dodro?
a. Veiga de Abaixo
b. Petróglifo de Bouza Badín
c. Castro de Traxeito
7. Cantos castro hai en Dodro?
a. 6
b. 5
c. 3
8. En que xurisdiccións se dividia Dodro no Antigo Réxime?
a. Couto de Bexo, San Xián de Laíño e Couto de Dodro
b. San Xián de Laíño e Couto de Dodro
c. Couto de Bexo e Couto de Dodro

9. Quen ostentaba os señoríos nas terras de Dodro?
a. Arcebispo de Santiago, marqués de Bendaña e señor de Bexo
b. Arcebispo de Santiago e marqués de Bendaña
c. Señor de Bexo e marqués de Bendaña
10. En que aldea se situaba o pazo da Torre do Marqués?
a. Imo
b. Vigo
c. Bexo
11. Que cruceiro dodrés é o máis antigo de Galicia dos do seu tipo?
a. Cruceiro de Ignacio
b. Cruceiro de Revixós
c. Cruz do Avelán
12. En que aldea se conserva unha casa de tipoloxía celta?
a. Castro
b. Traxeito
c. Susavila
13. De que século é o texto máis antigo referido a un lugar de Dodro?
a. XV
b. VII
c. XI
14. Quen foi o 1º Señor de Laíño?
a. Paio Gómez Chariño
b. Arcebispo Xelmirez
c. Pero Pardo de Andrade
15. En que ano naceu a parroquia de san Xoán de Laíño?
a. 1687
b. 1753
c. 1804
16. En que período histórico se construíu a 1ª igrexa de Dodro?
a. Idade Moderna
b. Idade Media
c. Idade Antiga
17. Pódese afirmar que Dodro leva habitado dende o Neolítico?

a. Si         b. Non

Bo Nadal


lunes, 30 de noviembre de 2015