lunes, 2 de agosto de 2010

Evolución da poboación en Dodro (1910-2005)




Fonte: Enciclopedia Universal Ilustrada Europeo -Americana e Gran Enciclopedia Galega

viernes, 9 de julio de 2010

Pensa Nao

Hoxe vouvos facer unha pequena sinopse da novela Pensa Nao, escrita polo dodrés Anxo Angueira Viturro.
A hitoria transcore na aldea de Sernanselle (nome ficticio de Manselle aldea na que naceu e reside o autor)pertencente ó concello de Dodro Vello. Os protagonistas son un grupo de veciños de Sernanselle, aldea dividida en dous bandos,os da Cooperativa Católica (posiblemente sexa a Cooperativa de Productores de Laíño, que existiu na realidade, sendo a máis antiga de Galicia) e a Cooperativa Unión de Productores de Leite de Laíño (a ccoperativa da Unión que tamén existiu na realidade; os da Cooperativa Católica son de dereitas, entres os da Unión son da esquerda republicana, incluso a protagonista, María, pertence ó PCE. Por isto é coñecida como a aldea rusa.
A historia vaise desenvolvenedo en varias fases, dende o ano 1934 ata os últimos días de xullo de 1936 co inicio da guerra civil, narrando sucesos e a vida dos aldeanos, non tan divididos cando fai falta como parecería.
Nesta novela mestúranse lugares reales, aínda que algunhas veces teñen un nome fantástico, con feitos reais e fantásticos, como pode ser os intentos que fan no concello por aguantar a sublevación militar do 36, cando na realidade o alcalde de Dodro, Benigno Baleirón Pérez, foi cesado do seu posto o mesmo día 18 de xullo de 1936; tamén é falso que houbese unha concelleira muller no plno municipla, nin que estivese cheo de esquerdistas, case todos eran de dereitas, incluso da CEDA, ou de centro. Salvando isto algunhas outras cousas estanovela pode ser lida como a narración de acontecementos históricos nun lugar.

lunes, 7 de junio de 2010

174 aniversario do concello de Dodro

Coincidindo co 174 aniversario do concello de Dodro, que se celebrará o próximo luns 7 de xuño, vou publicar unha lista actualizada dos alcaldes de Dodro coñecidos (faltan os da ditadura franquista por non os ter consultados). A lista é a seguinte:
- D. Domingo Manselle (? - xuño de 1856)
- D. Agustín Mariño (xuño de 1856 -?)
- D. Benito Ramos (? -? (en 1876 estaba no cargo))
- D. Manuel Brañeiro Buela (? -17 de xaneiro de 1885)
- D. Fernando Conde Lois (17 de xaneiro de 1885 - 30 de xuño de 1885)
- D. Feliciano Barreiro Reboiras (1 de xullo de 1885 -?)
- D. José Viturro Sóñora (? - 8 de febreiro de 1910)
- D. Manuel Rodríguez Batalla (8 de febreiro de 1910 - 5 de outubro de 1911)
Interino (Tenente de Alcalde) ata xaneiro de 1912: D. Francisco Rodríguez
- D. Ramón Suárez (xaneiro de 1912 - xaneiro de 1914)
- D. Ramón Ferreirós Manselle ( xaneiro de 1914 - marzo de 1920)
- D. Francisco Boga Manselle (marzo de 1920 - outubro de 1923)
- D. Francisco Vázquez Torres (outubro de 1923- 30 de marzo de 1924)
- D. Constantino Pérez Carou (30 de marzo de 1924 - 27 de marzo de 1925)
- D. Manuel Pérez Lois (27 de marzo de 1925- 26 de febreiro de 1930)
- D. Ramón Ferreirós Manselle (26 de febreiro de 1930 -14 de abril de 1931)
- D. Juan Francisco Siage Rodríguez (14 de abril de 1931 -1932)
- D. Benigno Baleirón Pérez (1932 -18 de xullo de 1936)
- D. José González Fabeiro (18 de xullo de 1936 -?)
(Alcaldes da dictaura franquista)
- D. José Fernando Vila Brión (19 de abril de 1979 - 16 de xuño de 2007)
- D. Arturo Díaz Díaz (16 de xuño de 2007 - actualidade)

lunes, 3 de mayo de 2010

Os nosos devanceiros

Este ano vou escribir sobre os primeiros poboadores destas terras que actualmente conforman a aldea de Bexo. Pero antes quero corrixir un erro moi espallado e que actualmente aínda figura en publicacións, cal é o xacemento máis antigo de Dodro.
Dende sempre se consideraron os petroglifos de Bouza Abadín (Imo) como o xacemento arqueolóxico máis antigo do concello de Dodro, e como o máis antigo en probar o asentamento de persoas nas terras deste concello. Pero esta é unha afirmación errónea, xa que os petroglifos son da Idade do Bronce (1500 -600 a.C.), e existen en Dodro xacementos arqueolóxicos do Megalitismo (4000 -2500 a.C.), o último período do Neolítico (momento no que o home se asentou e comezou a practicar a agricultura e o pastoreo); desta época son as catro mámoas da Paradegua, sitas na aldea de Bexo, e a mámoa de Mina Balouta, sita en Laíño ó sur da Fonte Primeiral; no actual catálogo arqueolóxico do concello de Dodro figura tamén a mámoa número catro do Monte Picoto (Burés), situada xusto na fronteira entre Dodro e Rianxo, pero na zona rianxeira. A seguinte época prehistórica, a Idade co Cobre ou Calcolítico, tamén deixou restos en Dodro, o Xacemento do Riasós, sito enfronte á do Deza, e que é un xacemento subterráneo, non se podendo diferenciar restos arqueolóxicos na superficie. Pero incluso a Idade do Bronce, na que se sitúan os petroglifos, deixou en Dodro máis restos que Bouza Abadín, como son os petroglifos de Lomba das Pozas en Bustelo, os do Padronelo (un en Bexo e outro en Imo), o de A Cabaña/Bouza Nova en Manselle, e os de A Carga e Outeiro dos Corvos en santa María de Dodro; podendo ser calquera destes petroglifos máis antigo que o de Bouza Abadín. Cabe dicir que moitos destes xacementos son moi descoñecidos o que axudou a este erro.
Como se dixo anteriormente os xacementos que dan mostrar da residencia máis antiga en Bexo son as mámoas da Paradegua, catro túmulos que se sitúan na Casilla ou Paradegua, no fondo que hai á esquerda (dende Bexo) da estrada AC 305, entre a actual Autovía do Barbanza (AG 11) e o cortafogos dos cables de alta tensión que cruzan a estrada algo máis adiante; as mámoas 1 e 2 atópanse no agro de fincas chamado O Tombo, ambas abarcando catro leiras na súa parte máis alta, a número 3 está situada en dúas fincas grandes que hai xunto ó agro de fincas de Campelos na marxe dereita do camiño que baixa cara as fincas desta zona dende a estrada, mentres a número 4 se atopa xusto enfronte, noutra finca grande comunmente chamada “Agro do Manco”. A estas mámoas habería que adherirlles as once do Monte Picoto, situadas no Alto da Paradegua na aldea rianxeira de Burés, xa que neste momento non había fronteiras territoriais e os pobos que as construíron podían vivir nun lugar ou outro.
O seguinte período prehistórico, o Calcolítico ou idade do Cobre, momento no que se introduce a transformación do metal, deixou no Bexo xeográfico, que vai dende o Alto da Paradegua ata o “Rego dos Sollos” no actual Imo, un resto, o Xacemento do Riasós, que ó ser subterráneo é difícil saber a súa utilidade, se é que a tivo. A Idade do Bronce deixou en Bexo o petroglifo número dous do Padronelo, sito preto das Murallas, arriba do “mirador”, á nunhas mas marxes do camiño que sube dende el cara o monte.
Despois viría a Idade do Ferro, coa cultura castrexa, que deixou en Bexo un castro, tamén chamado Murallas, actualmente bastante grande e desfeito, pero que seguramente o fora aínda máis no seu momento de apoxeo; xunto a este castro estarían o de Foxacos (Araño, Rianxo) e outro máis pequeno, que ou foi castro antigo de Bexo, ou foi unha factoría das Murallas, pola súa proximidade a el, está nun montículo ó lado da pista que vai a Teaio xunto ás Murallas; este e o de Foxacos dependían, con total seguridade, do castro de Bexo. O castro de Bexo presenta casas cadradas, o que é sinónimo de romanidade, pero seguramente había un castro anterior á conquista romana.
Coa conquista romana éntrase na Idade Antiga, que ademais das paredes cadradas nas Murallas deixou, no lugar do Bico, un xacemento subterráneo, non visible por tanto, que probablemente estea vinculado con actividades portuarias ou de explotación do río Ulla. Para o medievo non contamos con restos, pero como expoñía o ano pasado, probablemente existiu unha villa que recollera ós habitantes das Murallas, traballando as terras de cultivo da aldea, e que sería o antecedente do posterior Coto de Vejo de época moderna citado no Catastro de Ensenada (1749 -53).
A partir deste momento xa está documentada a residencia de persoas na aldea, con restos materiais, como as casas antigas existentes na aldea ou a capela de san Mauro (datada no século XVII), ou con documentación como o Catastro de Ensenada, que fala do Coto de Vejo; mentres a época contemporánea nos deixaría, ademais de casas, os cruceiros, os muíños e o lavadoiro como restos máis importantes.
Todo isto mostra que a actual aldea de Bexo estivo ocupada dende o Megalitismo, case o momento de sedentarización da humanidade; ocupación que non se rompería en ningún momento dende este, polo que Bexo levaría existindo, ininterrompidamente, como núcleo de poboación, uns 5000 anos.

lunes, 5 de abril de 2010

Ovidio Murguía de Castro

Ovidio Murguía de Castro nace no pazo da Ermida en Lestrobe (Dodro) en 1871 froito do matrimonio da poetisa Rosalía de Castro e do intelectual galeguista Manuel Murguía. Ós 14 anos queda orfo de nai, algo que terá unha gran importancia na pintura.
Comeza pintando en Santiago de Compostela, na Real Sociedade Económica de Amigos do País, na que estaba como profesor José Fenollera. En 1895 trasladase a Madrid, pero non segue os camiños habituais para facer carreira de pintor oficial, ó non ingresar na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando e tampouco solicitar pensións para Roma, algo que naquel momento era imprescindible. Asiste a tertulias literarias e relaciónase con artistas grazas ó seu parente Alejandro Pérez Lugín que o acolle na súa casa. Tamén sae ó campo a pintar paisaxes ó natural e acode con frecuencia ó Museo do Prado a realizar copias dos grandes mestres para exercitarse na pintura.
Despois dun tempo adicado a realizar escenas de xénero e decoracións murais para os palacios de políticos influíntes, a desgusto, por influencia de seu pai, decide vivir alegremente, unha vida bohemia, que non lle será tolerada pola súa saúde precaria. Finalmente falece prematuramente de tuberculose en 1900, o que fixo que fose encadrado na denominada Xeración Doente galega. En vida concurríu a algunhas exposicións, pero non puido crear unha gran obra pola súa morte temperá.

viernes, 19 de marzo de 2010

Pacto de Lestrobe

O 26 de marzo de 1930 asínase no pazo da Ermida de Lestrobe (Dodro) o chamado Pacto de Lestrobe, un acontecemento esencial para a proclamación en Galicia da II República, nun momento de debilidade institucional no que a suposta clandestinidade é un mito; a esta reunión asisten unha gran cantidade de republicanos, pero ningún sector nacionalista, da ORGA e o Partido Radical (cos seus líderes á cabeza, Casares Quiroga e Abad Conde, respectivamente), o Partido Radical- Socialista, o Partido Republicano Federal, representantes da sección galega da FUE, algúns republicanos a título propio e varios sindicalistas ex- militantes da CNT; o obxectivo era crear unha estructura unitaria que representara a todo o republicanismo galego (a FRG) que busque, apostar por unha república democrática, a independencia sobre os partidos de ámbito estatal (igual que a ORGA), defender a propor un Estatuto de Autonomía para Galicia, crear un organismo unitario para unhas posibles eleccións. A partir da FRG darase un gran salto no republicanismo galego, sendo a representación recollida por provincias.


jueves, 18 de febrero de 2010

Evolución do voto en Dodro

Este mes preséntovos o final dun traballo de investigación sobre a vida política recente do concello de Dodro, dúas gráfica feitas a partir dos resultados electrais en Dodro de todas as eleccións celebradas dende a Transición, dende as Xerais de 1977 ata as europeas de xuño de 2009.

Fonte: Elaboración propia a partir do Ministerio do Interior, La Voz de Galicia e El Correo Gallego

Fonte: Elaboración propia a partir do Ministerio do Interior, La Voz de Galicia e El Correo Gallego