lunes, 27 de mayo de 2024

Cruz do Avelan

No lugar de Avelán da Cruz, no Monte Padronelo. No cruce dos camiños que van a Teaio, Bustelo e A Devesa, antiga encrucillada, punto que separa as aldeas do monte e as do val. Por aquí discorría o Camiño Real que ía de Santiago a Rianxo pasando pola venta da Chisca e polo río da Vexa (Bexo). Descríbeo o Padre Sarmiento na súa viaxe a Galicia de 1754 e despois Lucas Labrada en 1804, explicando que a estrada era tan mala que nin cos maiores gastos se faría transitable.

Típico cruceiro de capela ou de loreto da zona do Barbanza. Feito en granito.

Medidas:

xerais.- 4, 6 m. de alto por 2,5 m. de ancho.

fuste.- mide 1,60 m. de alto e 2,10 m. de perímetro

capela.- dende o capitel ata o teito 0,98 m.

Baseamento: cuadrangular, de tres grades.

Pedestal: non ten.

Peto: adosado no varal (roto).

Varal: de sección cadrada (de 0,62 m. de lado), cos cantos rebaixados agás nos extremos superior e inferior, como adoita ser corrente en todos estes cruceiros, nos que hai un motivo ornamental que semella unha folla ou espiga de trigo ou centeo. Nas catro caras da pedra inferior do fuste é visible unha especie de fornela labrada en baixorrelevo, co lado superior redondeado. No fronte do varal é visible un oco semellante a unha fornela, coa parte superior redondeada e varias cruces inscritas dentro, no que é de supoñer que se acollese algunha imaxe, agora desaparecida (¿pequeno retablo adicado ás ánimas?). Parece tratarse dun rebaixe moi posterior ó cruceiro, pois ó facelo destruíuse parte da inscrición. Posiblemente foi feito cando se creou a parroquia de San Xoán de Laíño, a finais do século XVIII. Presenta unha longa inscrición incompleta dende que abriron a fornela, desaparecendo parte das letras frontais da segunda pedra. Está clara a data, 1672, que debe de corresponder á de construción. Aínda que é posible ler algunhas palabras, en conxunto é ilexible. Fernández de la Cigoña (1997: 54-55) publica a seguinte lectura coa que González Pérez (2001) non concorda:


Na parte dereita.- Na parte dianteira.- No lado esquerdo.-

UM POR SV “NESA “MAJ

DRIOZSTA ASENO DEBOC

10 – 1672 “ TADLAS +

CRUS” G”

Capitel: baixo, adornado cunha moldura e no lado frontal cunha cabeza de querubín coas ás abertas. Sobre esta figura tallouse (despois de feito o cruceiro) un burato cadrado destinado a peto de esmolas, polo que é de supoñer que en tempos pasados tivese unha portiña de ferro ou de madeira.

Capela ou fornela: formada por catro pedras (as dúas laterais, a traseira e a que cobre). En cada xamba ten gravada en baixorrelevo unha columniña salomónica, na que se albiscan a base e o capitel. Na fronte da pedra da cuberta, que sobresae varios centímetros por diante, un arco tamén co mesmo motivo ornamental. O teito por dentro semella unha bóveda de crucería, con catro nervios e a clave central ben traballada. Polo exterior é de perfil semicircular. Actualmente non recolle ningunha imaxe. Contan os veciños que antes, no interior, estaba unha Virxe que desapareceu xa hai moitos anos. Algúns din que que é a que campa na fornela da fachada da igrexa parroquial, sobre a porta.

Cruz: asentada sobre a capela, sobre unha pequena base cúbica con adornos nas catro caras en zig-zag. De sección cuadrangular, coas arestas rebaixadas agás nos remates dos brazos que son cadrados, tendo no medio de cada un dos cantos un círculo inscrito.

anverso.- Cristo crucificado con tres cravos, inclinando a cabeza cara a dereita, coas mans abertas. Con coroa de espiñas, nimbo crucífero, pano de pureza anoado á súa esquerda, INRI (cartela). Imaxe esculpida en baixorrelevo (a figura de Cristo case non sobresae, con escasos riscos anatómicos).

reverso.- non ten imaxe.

Estado de conservación.- Regular, está incompleto. No ano 1992 a Asociación de Veciños de San Xoán de Laíño solicitou á Dirección Xeral do Patrimonio Histórico-Artístico unha axuda para a recuperación deste cruceiro, en mal estado de conservación así como a intersección de camiños no que se localizaba. A Dirección Xeral de Patrimonio accedeu a dar unha axuda económica para a súa restauración e aceptou facerse cargo do control da súa rehabilitación. Así, a cruz foi desmontada na súa totalidade por un equipo de especialistas para facilitar o seu traslado a unha escola de canteiros, tras o cal foi levada de novo ó seu sitio. Quíxose retirar un pouco deica atrás o cruceiro por causa da proximidade da estrada. Tamén se lle quixo por un basamento máis sólido e encintalo con cemento, ademais de por o Cristo dereito. No 2004 leemos a reseña de que a segunda grade está alterado, faltan pedras.

Propiedade.- Comunitaria.

Historia.- Finais do século XVII (1672). O nome de Cruz de Abelán ou Dabelán, segundo Clodio González Pérez (2001: 452), parece que puidera vir da existencia, en tempos pasados, de abelás ou abeleiras no monte, moi abundantes antigamente nestas terras. Tamén apunta como posible o mesmo autor que onde está o cruceiro ou preto del existise un vello abelá. Os cruceiros de capela son moi escasos en Galicia, cinguíndose exclusivamente a unha pequena parte da provincia da Coruña (concellos de Ames, Brión, Boiro, Dodro, Lousame, Ribeira, Rois, etc.), sendo este exemplar de Dodro, o único que existe no concello, de especial interese por estar datado: 1672. Polo ano da súa feitura é o cruceiro de ánimas non só máis antigo da provincia da Coruña senón de Galicia enteira (FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ: 1997, p.35). O problema é que non se pode demostrar que fose, efectivamente, algunha vez un peto de ánimas auténtico, por non aparecer estas citadas no epígrafe e non conserva-lo retablo das ánimas no purgatorio nos dous pequenos fornelos.

Tradicións.- Queda no camiño sacramental tanto para ir á igrexa de San Xoán (actual parroquial) como antes para ir a de San Xián, por onde había que pasar cos defuntos das aldeas da Devesa, Bustelo e Teaio. Diante paraban as comitivas fúnebres, aproveitando para descansar ou para cambiar de portantes do cadaleito. Mentres tanto, o crego rezaba as oracións. Así mesmo, conta a tradición que ó seu redor se enterraban ó nenos que nacían mortos ou que morrían sen bautizar. O lugar é axeitado para situar aparicións de almas en pena e da Santa Compaña, polo que as persoas maiores aínda lle gardan moito respecto a este cruceiro. Na capela os paisanos deixaban unha fornada de pan ou de millo ou unha empanada, sempre produtos de comer, coa crenza de que as ánimas ían e viñan dende a casa onde viviran ata o cemiterio, para que tivesen comida. Finalmente, sinalar que en torno á cruz celebrábase unha tradicional romaría, a Romaría da Cruz do Avelán, o primeiro de maio, recuperada no 1990 polos veciños de San Xoán.  

No hay comentarios:

Publicar un comentario