A seguinte comparativa sobre a belicosidade das
poboacións castrexas vaise facer a
partir dos libros dos arqueólogos Francisco Calo Lourido, A cultura castrexa e Os
celtas. Unha (re)visión dende Galicia, e José Manuel Caamaño Gesto, A cultura castrexa. Economía, sociedade,
relixión e arte, o tomo IV de “A
Gran Historia de Galicia”.
Francisco Calo Lourido no seu libro a cultura castrexa, do ano 1993, di con
respecto a esta, suposta belicosidade castrexa, que non existe, xa que non hai
restos materiais que corroboren esta suposición, a pesar de estar escavados
unha gran cantidade de castros. As referencias que fan sobre esta belicosidade
os autores clásicos non é crible ó cen por cen, xa que seguramente estean
influídos polo espírito de superioridade e defensa da conquista romana, ademais
de non ter experiencia directa da sociedade castrexa. No Bronce final si
aparecen unha gran cantidade de armas claramente ofensivas, polo que si se
podería falar dunha sociedade guerreira, pero na cultura castrexa xa non existe
este arsenal de armas, senón que as armas que aparecen se semellan máis a
coitelos de cociña que a obxectos de loita; a parte tampouco hai enterramentos
con armas, como os depósitos do Bronce, nin arreos de cabalos nin restos de carros
similares ós atopados noutros lugares, nin restos epigráficos anteriores á
conquista romana que fagan mención desta suposta belicosidade. Todo o exposto
anteriormente son os argumentos do autor para desmentir a belicosidade das
sociedades castrexas; pero tamén fai referencia a elementos que si poderían
soster a belixerancia castrexa, pero non ten porque ser así necesariamente, xa
que existen outras posibilidades que o expliquen; estes elementos serían o
descoñecemento dos deuses castrexos, agás os guerreiros, asociados con Xúpiter
ou Marte (cun topónimo a continuación), pero o seu cometido sería o de defensa
do lugar mencionado, ademais de aparecer só dende o século II d.C. e non estar
feitos por castrexos puros, senón que serían romanos ou indíxenas romanizados;
outro elemento sería a situación dos castros en zonas altas, situación que
podería atender, non a motivos defensivas, senón a razóns climático –forestais,
como a menor vexetación nestas zonas que nas baixas ou a existencia de humidais
nas terras baixas, amais de que as terras altas eran máis fáciles de labrar. As
murallas son útiles defensivamente, ó repeler ben os golpes pola súa
elasticidade, ó non ser ríxidas, pero non teñen porque ser defensivas, poden
ter outros usos como o de límite dos castros ou elemento de prestixio; e en
caso de ser defensivas poden ter sido feitas en época romana, ben por mandato
romano ou por defensa ante este.
No seu libro Os
celtas. Un (re)visión dende Galicia, do ano 2010, segue dicindo o mesmo
sobre o tema, nega esta suposta belixerancia castrexa, remitíndonos ó seu libro
sobre cultura castrexa (o citado anteriormente) resumindo os argumentos
expostos neste para defender a súa tese contraria á supostas belicosidade
castrexa. Ademais tamén afirma a inexistencia de federacións ou unión de
poboados castrexos.
Pola outra banda Jose Manuel Caamaño Gesto no seu
libro A cultura castrexa. Economía,
sociedade, relixión e arte, do ano 2007, non mostra a súa opinión sobre
este tema, a belicosidade castrexa, senón que fai un repaso sobre os argumentos
dos que defenden esta belicosidade, amparándose nos poucos vestixios
existentes, e pouco concluíntes para definir unha sociedade como belixerante; a
parte dos autores clásicos, pouco cribles, e algúns textos epigráficos, que
describen ás poboacións galaicas (castrexas) como guerreiras, os únicos
vestixios arqueolóxicos existentes sobre os que apoiarse para defender esta
belixerancia castrexa son o importante papel dos guerreiros e da ideoloxía da
guerra, a existencia de divindades guerreiras e fratrías de guerreiros (segundo
defenden algúns autores), os supostos ritos iniciáticos e as representacións
escultóricas sobre a guerra, como esculturas con armas pouco útiles na
realidade. Á existencia de saunas nos poboados castrexos algúns autores danlle
un carácter de lugar de rito iniciático dos guerreiros mediante o baño, o que
corroboraría o papel importante dos guerreiros e da ideoloxía da guerra, así
como a existencia de fratrías de guerreiros; en canto ás divindades guerreiras,
como Coso ou o grupo Band, podían ser simplemente deuses protectores da
comunidade. O reforzamento e construción de sistemas defensivos con fortes
murallas e foxos indicarían a existencia de tensións entre as distintas
comunidades castrexas, que estarían lideradas por un xefe, cuxo poder residiría
na súa capacidade de manter o territorio ou aumentalo; isto coincidiría co que
di Estrabón, que fala do bandoleirismo endémico das poboacións do noroeste
peninsular.
Despois de analizar a exposición destes dous
arqueólogos chégase á conclusión de que o máis seguro é que a sociedade
castrexa non fora belicosa, dada a falta de vestixios arqueolóxicos que así o
corroboren, pero non teñen porque atoparse espadas ou armas metálicas, que
puideron ser fundidas ou requisadas polos romanos, para defender esta
belicosidade; parece difícil que uns poboados situados uns preto dos outros non
tiveran problemas entre eles, incluso pertencendo todos á mesma comunidade
castrexa, ademais pode que os castrexos non foran derrochadores e recolleran as
armas despois da batalla, explicando a súa ausencia nas escavacións.
No hay comentarios:
Publicar un comentario