A Compaña, como realmente se denomina a esta,
sen o apelativo de “Santa”, e as relacionadas cos meigallos e as meigas; temas
sobre os que se pode escribir moito nestes lares. Comezaremos pola Compaña, que
sería a procesión das ánimas en pena, da parroquia, que anda, de noite, polos
camiños, e que si che ve corres o perigo de que che recruten como portador da
cruz e a auga bendita. Nun dos talleres, o de Imo, déronnos unha posible
explicación para este fenómeno en Dodro, nela dise que a compaña sería unha
invención feita polos contrabandistas para ocultar o estraperlo que facían
entre Ribeira e Santiago, nunha ruta que atravesaría o noso concello pasando
pola Cruz do Avelán (cruceiro de capela relacionado con visión desta
procesión); o engano consistiría en enviar diante do contrabando a dúas persoas
vestidas de pantasmas e a outra tocando unha campá para asustar á xente e que
ninguén se acercara ó camiño polo que ían. Esta explicación tamén serviría para
xustificar a práctica desaparición das visións da Compaña dende a chegada do
alumeado público.
O certo é que si que había moitas confusións
con xente que camiñaba na escuridade coa luz dun farol ou dun fachón (facho
feito con palla), sirva de exemplo que cando os veciños de Imo vían unha luz
así en Cordeiro (ao outro lado do Ulla) crían que andaban por alí estas ánimas,
e cando os de Cordeiro as vían en Imo pensaban que estaba aquí. Amais dos
farois ou fachóns o reflexo da Lúa na auga tamén podía producir o engano, como
seguramente pasaba en Revixós coa fonte do Cebreiro, situada xunto ó nacente
río san Lufo, na sempre se vía unha luz ás noites, pero cando a xente ía alí
non atopaban nada; a crenza, que aínda hoxe segue infundindo respecto aos
veciños da zona, viría dada polo suposto afogamento dunha persoa neste lugar. De
afogados é asimesmo o laio, pola tardanza dun home que se ía ir tirar ó río,
provinte do río de Manselle na Braña, que se oíu nunha noite de tormenta.
Este medo ós seres do máis alá e aos sons
raros era aproveitado por algunhas persoas, polo que se xogaba con el, para
gastar bromas, a outros, como os que viñan das festas a andar polo monte, ían ó
muíño, ou calquera outra persoas que andara de noite, momento no que se facían
estas bromas, polos numerosos camiños escuros; algunhas desta bromas merecen a
pena ser contadas, como a que fixo crer ós seus acompañantes que algo viña en
dirección a eles, ou na que fan crer a un home que un morto, situado na casa da
fábrica da igrexa de san Xoán de Laíño, se levantara.
Nisto habería que engadir o medo ós ataúdes,
que antigamente había que ir buscar a Padrón ou outros sitios, e se traían ó
lombo entre varias persoas ou no autobús de liña. Con isto téñense producido
numerosas anécdotas, coma a do home que volvía dunha festa e se topou cun
ataúde no medio do camiño e dúas persoas, descansando da viaxe con el, nos
lados e escapou aterrado do lugar, ou o
que se meteu dentro dun que ía no teito do autobús porque chovía, e cando sacou
a man para ver se aínda o seguía facendo asustou a todos os ían no teito. Pero
tamén se teñen producido outras como a caída dun defunto da caixa na o levaban.
No hay comentarios:
Publicar un comentario