A) Muíño de Valentín, 42º43'28”N, 8º44'47”W
Destaca polo seu bo estado de conservación, e pola súa canle elevada. Ademais de para moer gran, tamén se utilizou para producir electricidade.
B) Petróglifo de A Devesa [GA15033023]
42º43'31”N, 8º43'55”W
Gravado nunha rocha de época prehistórica. Consiste nuns círculos concéntricos, con similitudes cun labirinto.
C) Castro de Bexo [GA15033013]
42º42'0”N, 8º45'2”W
Asentamento fortificado da Idade do Ferro e a Romanización. É un dos poboados castrexos máis grandes da zona e dende el hai unhas magníficas vistas do Estuario do Ulla e do ría de Arousa. Del saíu moita pedra en dirección ás aldeas circundantes.
D) A Veiga de Abaixo [GA15033007]
42º41'43”N, 8º43'35”W
Xacemento arqueolóxico de subsolo de época romana, á beira do río Ulla. A simple só se aprecian fragmentos de tégula galaico- romana, pero podería ser un dos máis importantes da zona, atendendo á súa tipoloxía e cronoloxía.
E) Capela de San Amaro, 42º41'55”N, 8º44'3”W
Ermida construída no século XVII, aínda que xa puido haber unha primixenia de época medieval. O seu estilo é o anónimo popular. Ata ben entrado ó século XX, cando pasou a mans eclesiásticas, pertencía exclusivamente aos veciños de Bexo. No seu interior garda dúas imaxes, en pedra, moi antigas, seguramente medievais, de San Pedro e da Nosa Señora de Belén.
F) Cruceiro e peto de Bustelo, 42º43'51”N, 8º46'7”W
Realizado en 1893 por devoción de sete veciños da aldea emigrados en Cuba. Ata fai uns anos soterrábase no seu recinto aos nenos mortos sen bautizar e o abortos da aldea.
G) Cruz do Avelán ou Dabelán,
42º43'9”N, 8º44'25”W
Cruceiro de capela ou loreto do século XVII, 1672, un dos máis antigos de Galicia. Non conserva nin o peto, nin o retábulo de ánimas.
H) Aldea de Castro, 42º43'10”N, 8º43'13”W
Núcleo poboacional formada tralo abandono do Castro de Imo, o cal influenciou moito na configuración desta aldea, algo que se pode apreciar na existencia dalgunha casa circular, a imitación das vivendas do castro. Tamén conta con algún hórreo de excelente factura.
I) Hórreos da Eira da Lavandeira,
42º42'46”N, 8º43'25W
Conxunto de once hórreos e un lavadoiro. Os hórreos son do tipo noia e están datados no século XVIII, polo que serían os máis antigos do seu tipo. Esta agrupación de hórreos, das máis fermosas da contorna, está considerada das máis importantes de Galicia.
J) Hórreos da Eira das Cabanas,
42º42'41”N, 8º43'30”W
Conxunto de seis hórreos na parte alta da Aldea de Imo. Terían unha orixe anterior aos da Lavandeira. Xunto a estes atópase tamén un pombal.
K) Igrexa de San Xoán de Laíño,
42º42'58”N, 8º43'42”W
Igrexa parroquial construída na segunda metade do século XVIII tralo nacemento da parroquia de San Xoán, segregada da de San Xián. No seu Adro conta cun fermoso cruceiro.
L) Pedra de Abalar, 42º42'28”N, 8º43'35”W
Peculiar formación rochosa, que ao subirse nela se move de forma acompasada sen necesidade de moito esforzo.
M) Petróglifos de Bouza Abadín [GA15033008],
42º42'38”N, 8º44'1”W
Conxunto de gravados na pedra de época prehistórica, que conforman un dos xacementos desta tipoloxía máis importantes da contorna.
N) Reloxo de Sol de Aguirre, 42º42'49”N, 8º43'27”W
Situado no muro de peche dunha antiga casa rica da aldea. Levántase en altura sobre unha columna de granito. Conserva o gnomon e é de tipo ortomeridiano (orientado ao sur).
O) Pombal da Veiga, 42º42'51”N, 8º45'5”W
Sito no medio dos agros da aldea, hoxe en día adicados ao cultivo de forraxes, principalmente herba. Polo que destaca no medio dun verxel de cor verde.
PATRIMONIO CULTURAL DA PARROQUIA DE SAN XOÁN DE LAÍÑO
DODRO
No hay comentarios:
Publicar un comentario