jueves, 30 de octubre de 2008

Os cruceiros de Bexo

O concello de Dodro conta cunha gran diversidade de cruceiros interesantes, un claro exemplo disto son, o do Avelán, cunha orixe misteriosa e que é o máis antigo de Galicia, ou o de Bustelo, cunha antiga utilidade funeraria, ambos desta parroquia (San Xoán de Laíño); pero agora ímonos centrar nos cruceiros da aldea de Bexo.
Bexo contou cun gran número de cruceiros non fai moitos anos, pero a desaparición dalgúns destes fixo quedar á aldea con só dous cruceiros significativos, xa que o da capela é de cemento, o do Cruceiro (vaia a redundancia) e o de Ignacio. Dous dos cruceiros desaparecidos eran o de Sabela, sito entre a pista que vai á igrexa (e ó cemiterio) parroquial e a pista que sobe da estrada ó comezo da aldea de Bexo, e o antigo cruceiro da capela de san Mauro, colocado no lado oposto a onde se atopa o actual, este era de pedra e por motivos que eu descoñezo cambiouse pola actual, tamén na Ermida ó lado da estrada había unha cruz de pedra que desapareceu, probablemente a levase alguén que pasou por alí.
Centrémonos agora nos dous que seguen en pé; comezaremos polo do Cruceiro situado no cruce entre a estrada AC-305 e a pista que vai para igrexa parroquial, ademais este cruceiro separa Bexo de Arriba de Bexo de Abaixo, e antes de que existise esta parte da aldea estaba na entrada a ela; o cruceiro comeza con catro banzos, saíndo do último a base da columna, de forma cadrada, con figuras estrañas na parte superior desta (arco no centro e cabeza na esquina) e con cadrados interiores nos 4 lados; desta base sae a columna de forma octogonal, aínda que na parte inferior é cadrada (con debuxos), cunha figura (probablemente o apóstolo Santiago) no plano suroriental e cun circulo e as letras SE debaixo; o remate da columna é octogonal e está adornado con elementos decorativos bastante comúns; deste sae a base da cruz que presenta unha forma coas partes inferior e superior iguais e a parte central máis delgada; a cruz é de tipo común, co Cristo no anverso e a Virxe no reverso.
O outro cruceiro é o de Ignacio, que se atopa na pista que vai para a igrexa parroquial (a mesma xunto á que está o do Cruceiro e á que estaba o de Sabela). O cruceiro tamén comeza con catro banzos, estando case soterrado de todo o primeiro; o último banzo soporta a base da columna, esta peza ten na parte sur a inscrición “DEBOCIÓN DE INACIO REI”, é cadrada (cunha forma especial, máis delgada no centro que nos extremos) e encaixa perfectamente co último banzo; a columna comeza cunha forma cadrada, con debuxos nos catro lados, para despois converterse en octogonal, tamén con debuxos en relieve nas partes S, E e O; o cruceiro non é o orixinal, pois este atópase no da igrexa parroquial de San Xoán de Laíño (con base semellante, o Cristo e a Virxe co neno e debaixo desta unha cabeza), este é o que tiña antes o da igrexa parroquial; a cruz presenta unha base adornada con elementos decorativos moi elaborados, mentres a cruz, de tipo pouco frecuente, ten no seu anverso ó Cristo crucificado só por unha man (a esquerda) mentres coa dereita agarra unha figura (probablemente o demo), no reverso ten unha imaxe que semella a dun bispo, aínda que tamén pode ser a Virxe coroada como Raíña.
Ambos cruceiros foron feitos a finais do século XIX e principios do XX, o do Cruceiro non se sabe cal foi o seu autor, mentres que o de Ignacio foi feito polo veciño desta aldea D. Ignacio Rei, polo que ten unha inscrición na súa honra. O de Sabela tamén debeu ser feito neste momento por unha veciña desta aldea chamada Sabela, e probablemente presentara unha inscrición similar á do de Ignacio, pero como non se conserva actualmente non se pode saber.

No hay comentarios: