martes, 4 de noviembre de 2008

Concello de Dodro








Dodro é un concello da provincia da Coruña situado na vertente norte da desembocadura do río Ulla, ubicado entre os concellos de Padrón e Rois (cos que forma a comarca do Sar), Lousame e Rianxo e o río Ulla; este concello componse de 26[1] núcleos de poboación denominados aldeas, das que Tallós é a capital[2], estes agrúpanse en tres parroquias, San Xoán de Laíño, San Xulián de Laíño e Santa María de Dodro, ocupando unha superficie total de 36´08 Km²[3], e cunha poboación actual de 3131 habitantes. O clima do concello é o oceánico –hiperhúmido, encadrado dentro do subtipo galego das Rías Baixas, caracterizado por unha elevada pluviosidade e temperaturas mornas e cunha temperatura media de 12ºC cunha oscilación térmica superior ós 10ºC; en canto á orografía Dodro é unha zona prelitoral situada na Depresión Meridiana que aproveita o río Ulla ó dirixirse cara a súa desembocadura[4], así nun espazo tan pequeno coexisten dúas áreas ben contrastadas, unha baixa que coincide co Esteiro do Ulla, e outra no norte de tipo montañoso e cunha gran riqueza forestal, nesta área atópanse as maiores alturas do concello[5] e os Montes do Morouzo[6] un dos contrafortes da Serra do Barbanza. O esteiro do Ulla crea unha fermosa chaira litoral de sedimentos aluviais, na que se abren as marismas das Avesadas ( Brañas de Laíño, Lestrove e Dodro)[7] e varias illas entre as que destacan a Insua de Bexo e o “lombo do Ulla”, zona que se atopa protexida polos seus elevados valores ecolóxicos e paisaxísticos.
A historia de Dodro non está moi ben estudiada[8]; os primeiros vestixios de asentamento no concello, as catro mámoas da Paradegua[9](Bexo), datan do Neolítico, máis concretamente do Megalitismo, para a Idade do Bronce tamén hai restos, os petroglifos de Bouza Abadín (Imo); pero do período que máis restos existen é da cultura castrexa, existindo en Dodro, alomenos, seis castros[10] dos que destacan o de Lestrove, descuberto por D. Manuel Murguía, e o de Imo, o mellor conservado e moi estudiado; unidos a estes xacementos hai lendas sobre os mouros, Santiago Apóstolo e a comunicación entre eles e co Castellum Honesti (Torres de Oeste) mediante túneles; ningún destes xacementos se atopa nas mellores condicións, fundamentalmente polo aproveitamento da pedra para a construcción e a terra para o cultivo, feitos fomentados pola ignorancia, o descoñecemento e o afán exclusivista relacionado con algúns deles. De época romana non se conserva máis que a parte nova das Murallas de Bexo (o castro) e o Itinerario de Antonino. A falta de información converte o medievo de Dodro nunha incertidume, só se sabe que o castro de Lestrove foi a residencia dun xefe nesta época; incertidume que pouco se aclara en época moderna, da que só se coñece o asentamento de varias familias nobres[11] cos seus pazos e as súas propiedades no concello, neste momento tamén se constrúen outros monumentos; a falta de información ven provocada pola división, no Antigo Réxime, do actual concello en dúas xurisdiccións a de Lestrove e Dodro e a de Rianxo todas pertencentes á provincia de Santiago.
Segundo os datos coñecidos, pois os padróns máis antigos conservados son do ano 1945 e o censo de 1951, o concello de Dodro sempre contou con once edís no pleno municipal, os mesmos que actualmente, o que indica que a súa poboación non sufriu moitos cambios ó longo deste tempo; dende o ano 1900 esta poboación non baixa dos 3100 habitantes, ata o ano 20 segue medrando, sufre unha suave caída nos anos 20 -30, da que se recupera, a pesar da Guerra Civil, no período 30 -40, como consecuencia da emigración polos anos da fame da posguerra en 1970 descendera a poboación, aumentando dende este momento ata o ano 2000 no que volve a comezar a baixar a poboación; durante o século XX a poboación moveuse entre os 3100 e os 3700 habitantes. A poboación actual de Dodro, ó igual que a de gran parte de Galicia, estase avellentando. O despoboamento xa provocou a desaparición dunha aldea.
O patrimonio artístico, histórico e arquitectónico que se conserva non é moi abundante, pero si interesante e con certa importancia. Existen, case todos en perfecto estado, diferentes mostras de arquitectura relixiosa[12], civil[13]e popular[14]; este patrimonio conservase moi ben, exceptuando algúns[15], sendo restaurados e coidados nos últimos anos grazas á colaboración dos veciños e do concello que conseguiu subvencións e se preocupou por mantelos, aínda que a situación dalgún non é tan boa como debería[16], e pódense seguir contemplando e desfrutando.
[1] Coñécese a existencia doutro núcleo na parroquía de San Xoán de Laíño que quedou desabitado a finais do século XIX principios do XX.
[2] Xa foron capital, antes que Tallós, Lestrove e Vigo.
[3] San Xoán de Laíño con 6 aldeas e 17.18 km², San Xulián de Laíño con 13 aldeas e 11.70 km² e Santa María de Dodro con 7 aldeas e 7.20 km².
[4] Situada, legalmente uns 2 km máis adiante, e xeográficamente uns 5 km.
[5] A Lomba da Poza con 576 m, Caldebarcas con 312 m e o Carboeiro.
[6] Pequena serra formada polos montes Caldebarcas e Vilar e inserta nos Montes do Valeirón.
[7] Máis coñecidas como Brañas de Laíño.
[8] Por desinterese e pola falta de documentos.
[9] Preto destas, no alto da Paradegua xa no concello de Rianxo, hai máis mámoas, polo que o pobo ou pobos que as construíu podía vivir nun concello ou noutro.
[10] O da Veiga de Abaixo en Bexo, o de Lestrove, o de Traxeito, o do Monte Xián en Revixós, o de Imo e o de Castro. Xunto a estes xacementos existen variopintas formacións rochosas.
[11] Os Ballesteros no pazo de Tarrío, os Ermida no da Ermida, os Bendaña e o de Vigo e os arcebispos no de Lestrove.
[12] As igrexas parroquiais, San Xulián de Laíño (anterior ó século XVII), Santa María de Dodro (1718) e San Xoán de Laíño (1754); as capelas, San Mauro de Bexo (século XVII) e Virxe do Bo Parto e do Leite; cabe destacar ademais o San Pedro e a Belén de pedra conservados na capela de Bexo e as casas rectorais.
[13] Os pazos, Tarrío (1567), Ermida (século XVI), Lestrove (século XVI) e Vigo.
[14] Casas antigas, hórreos ( a Lavandeira en Imo, século XVIII), pombais (Lestrove, Imo, Teaio e Manselle), cruceiros (Cruz do Avelán e Bustelo), muíños (Chenlo, A Devesa, Bexo, Sar) e reloxos de sol.
[15] O pazo de Vigo xa que a súa torre e outros motivos están no pazo sadense de Meirás, os muíños (Bexo) que están caídos ou desapareceron e algúns hórreos e casas tamén mal conservados.
[16] Pero nisto teñen máis culpa as comunidades de montes, asociacións e veciños que o concello.

No hay comentarios: