martes, 23 de diciembre de 2008

A mámoa nº6 de os Campiños

A mámoa número 6 de Os Campiños, sito no lugar de Meiquiz - Leiro, pertencente á parroquia de Santa María de Leiro, no concello coruñés de Rianxo. As coordenadas xeográficas desta mámoa son, Latitude 42º 40’ 27.22’’ N, Lonxitude 8º 45’ 51.62’’ W; e nas UTM, X: 519310.39, Y: 4724750.95, e Fuso 29.
Cartografía de Os Campiños, a mámoa 6 é a negra Existe algunha cartografía deste xacemento, a que eu utilizo é un mapa cartográfico no que se recollen as mámoas existentes nesa zona, que son as da Paradegua (Bexo -Dodro), Bacariza (Bacariza -Rianxo), Monte Picoto (Burés -Rianxo), e Os Campiños (Leiro -Rianxo), nas que se atopa este túmulo.
A adscrición cultural do xacemento é o Neolítico; mentres que a adscrición tipolóxica é a dun túmulo megalítico.
Esta mámoa, igual que as outras desta zona, sitúase nunha pequena chaira na aba sur do Monte Lioira, no monte de Leiro, ó sur a autovía AG 11 (que transcorre por enriba dalgunha destas mámoas), e á beira dun camiño forestal. O túmulo atópase nunha área onde se sitúan tres grupos de mámoas, as de Os Campiños, Monte de Pena e Cuncha Vieira e os petroglifos da Foxa Vella.
A adscrición cronolóxica é 3600 -2700 a.C., sendo polo tanto do da fase de apoxeo do megalitismo, situada entre o Neolítico final e o Calcolítico inicial.
O ano e as circunstancias de descubrimento desta mámoa, e do resto desta necrópole, non está moi claro, pero os túmulos xa son coñecidos dende fai moito tempo, xa que son coñecidos na zona como “ do mouro”; en canto á comunidade científica, xa nos anos 70 foi obxecto de investigacións por membros do Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento". Esta mámoa foi prospectada dúas veces (non se descubrindo ningunha estructura arquitectónica) a primeira polo Instituto de Estudios Galegos "Padre Sarmiento" a principios dos anos 70, a segunda prospección realizouse no verán de 1977 por membros do Teleclube de Leiro. No ano 1982 trala denuncia duns veciños, a Inspección de xacementos arqueolóxicos da provincia da Coruña elaborou un plan de actuación que, despois de repetidos intentos, conseguiu levarse a cabo só en parte, realizandose entre decembro de 1983 e marzo de 1984 unha escavación arqueolóxica dirixida por Ramón Fábregas Valcarce e Félix de la Fuente Andrés (tamén responsables da súa restauración).

Os xacementos que podemos atopar no entorno desta mámoa son, nun radio de dous quilómetros e medio, as outras mámoas de Os Campiños (bastante afectadas, e incluso soterradas pola autovía do Barbanza, AG 11), as mámoas de Cuncha Vieira, os petroglifos dos Mouchos e os dos Campos, os castros da Punta do Castro e de As Sercas, as mámoas do Monte de Pena e os petroglifos da Foxa Vella; mentres nun radio de cinco quilómetros están tamén as mámoas do Monte Picoto, da Bacariza, da Paradegua e do Riasós, os petroglifos de Rianxiño e de Bouza Abadín, e os castros de Bexo, as Murallas, Foxacos, Castro Barbudo, Traba, o Castriño e Agro do Castro. Destes xacementos atópanse todos no concello de Rianxo, agás as mámoas da Paradegua e o castro das Murallas en Bexo, e os petroglifos de Bouza Abadín e a mámoa do Riasós en Imo, todos no concello de Dodro; nos xacementos situados no radio máis pequeno, dous quilómetros e medio, só as mámoas do Monte de Pena e os petroglifos da Foxa Vella non están na parroquia de Leiro. Nas inmediacións desta necrópole, no Monte Loeirias, atopouse nunha cista un importante conxunto do Bronce Inicial, pouco común en Galicia, composto por un depósito formado por 5 puñais e unha alabarda, materiais que actualmente se atopan no Castelo de San Antón.
O xacemento foi reconstruído trala escavación do ano 1983 -84, sendo o seu estado actual lamentable, xa que está cuberta de toxos, incluso dentro da anta facendo case imposible percibir o corredor, agás a súa parte posterior; o que se refire ó túmulo este conservase ben, igual que os muros de contención, aínda que tamén están afectados polos toxos, ademais fáltanlle as laxes que cubrían a anta, non se sabe se foron espoliadas ou levadas ó Museo Arqueolóxico de Pontevedra, onde se di que están. Esta necrópole, non só a mámoa 6, necesita que se tomen medidas inmediatas para a súa conservación, senón dentro de pouco tempo está todo cuberto polo mato, non o estando agora polos lumes do verán de 2006 que limparon a zona; as propostas de conservación dos autores da escavación coinciden coas miñas, hai que acondicionar o lugar para que poida recibir visitas, limpalo, vallalo, sinalizalo e explicalo, ademais de levarlle un mantemento de forma regular. O estado da mámoa 6 aínda é máis vergoñento polo intento da Xunta de facelo BIC (Ben de Interese Cultural).
A primeira prospección, realizada polo Instituto

de Estudios Galegos "Padre Sarmiento" atopou restos, pero como se dixo antes, nin foron catalogados nin publicados, estando estes restos nas instalacións deste organismo; segunda, feita polo Teleclube de Leiro, atopou unha lámina apuntada, unha punta de frecha e fragmentos de cerámica pertencentes a un vaso, que foron gardados no local do Teleclube o Centro Cultural Vicente Vidal, seguindo alí hoxe en día; a escavación arqueolóxica realizada por Fábregas Valcarce e de la Fuente atopou diversos materiais, dos que non se di nada sobre o lugar no que están depositados, polo que se supón que estarán no Museo Arqueolóxico da Coruña, tamén coñecido como Castelo de San Antón.


Bibliografía:
1- “Materiales de un túmulo megalitico de Leiro (Rianxo)” en Gallaecia, nº 8; USC Departamento de Historia I e Arqueoloxía, Santiago, 1984.
2- “Un importante conjunto del Bronce Inicial en Galicia. El depósito de Leiro” en Gallaecia, nº 11, USC Departamento de Historia I e Arqueología, Santiago, 1989.
3- “Escavación da mámoa 6 de os Campiños (Leiro, Rianxo): campaña de 1984” en Brigantium, nº 7; Museu Arqueolóxico e Histórico da Coruña; A Coruña; 1992.
4- “La laja decorada de os Campiños” en Actas do seminario: O megalitismo no centro de Portugal: novos dados, problemática e relaçoes com outras áreas peninsulares, da Cruz, Domingos J. (coor.), Centro de Estudos Pré -Históticos da Beira Alta, O Porto, 1994.
5- Arqueoloxía de Galicia: itinerarios polo pasado, Carballo Arceo, Luís Xulio, Rosadante (Nigratea), Vigo, 2006.
Outras fontes:
- www.rianxo.com
- Fontes orais diversas
- Datos propios

No hay comentarios: